A Asociación Veciñal das Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules, a través do seguinte comunicado, quere facer público o seu posicionamento perante a petición de COPASA á Policía Local da Coruña de que intensifique o número de multas na contorna do Materno Infantil – Oncolóxico coa finalidade de aumentar as súas ganancias.
Como xa denunciamos noutras ocasións, a nosa entidade considera que os problemas de aparcamento da zona das Xubias veñen motivados pola falta de transporte público a ditos centros hospitalarios e a deficiencia dos existentes actualmente. Do mesmo xeito tamén denunciamos o abuso que supón para as persoas que acuden a ditos centros o pago dun aparcadoiro que, a todas luces, debía de ser de balde ao tratarse dun servizo público de saúde e máis cando acuden persoas que están recibindo tratamento oncolóxico.
Recordamos que ditos hospitais non só dan servizo á cidade senón tamén a toda a comarca. Facer negocio coa necesidade e a saúde das persoas debería facer reflexionar á empresa COPASA e revisar o seu código ético.
Aproveitamos a ocasión para recodar que, dende hai anos, a nosa entidade está a solicitar ao Concello da Coruña a mellora do bus 17 que realiza o traxecto entre o noso barrio e o Materno Infantil. Actualmente, pola semana, só existen dous buses que pasan cada media hora e, na fin de semana, un cada hora. Ademáis, dito traxecto remata na rotonda do CHUAC cando podía, perfectamente, dar a volta na rotonda da Pasaxe e realizar parada no mesmo Materno Infantil sen ningún tipo de transbordo.
Esto último foi un tema que se lle comunicou ao concelleiro de Mobilidade Sostíbel, Daniel Díaz Grandío, en febreiro de 2016 sen que, a día de hoxe, tiveramos ningún tipo de resposta tanto escrita como visíble na mellora de liñas.
Conversa
Aínda non hai comentarios.