O próximo venres día 15, ás 19:30 na Biblioteca veciñal no Campo de Marte, celebraremos a nosa Pequena Romaría de Santo Amaro, como xa fixemos o pasado ano, en honor ao santo navegante con tanta pegada no noso barrio, na que contaremos de novo coa presenza de Xurxo Souto para presentar a súa obra: Pangalaica, que xa vai pola súa segunda edición.
Debido ás novas restricións establecidas o aforo será reducido a 12 persoas, polo que será necesario a solicitude previa de participación no correo aa.vv.montealto@gmail.com, que se fará por orde de inscrición ata límite de prazas. Por suposto será obrigado o uso de máscara e xel para acceder ao local.
Animádevos a participar, e vinde con ganas de cantar!!

SINOPSE DA OBRA:
Ao longo de seis meses, Xurxo Souto fixo que a pandemia fose, dalgún xeito, máis levadeira. Día a día foi publicando no diario Nós unha columna que, baixo o título de “Haberá primavera!”, inxectaba doses do optimismo sempre necesario a través de pequenas e suxestivas crónicas que, agora, se recollen nunha antoloxía e se acompañan dun feixe de imaxes, fermosas e expresivas, vinculadas con cada un dos contidos constituíndo unha edición moi atractiva.
As crónicas, reflexións ou relampos narrativos de Souto son, ao tempo, un exercicio de memoria traendo para o presente experiencias, situacións e, sobre todo, persoas que tratou ou coñeceu ao longo dos últimos trinta anos: “historias (e persoas) marabillosas que me regalou o camiño”, sinala. Explica no limiar a inspiración destes textos cando apunta que a vontade que o guiou era a de “reivindicar as nosas capacidades” e que o camiño para “construír o futuro está no noso propio talento”. Moito hai disto nestes artigos, neste libro, e tamén desa filosofía que agarima e estende desde hai tantos anos cifrada na superación de vellas e caducas ideas que nos enfrontan e afastan.
Hai, afortunadamente, moito humor neste libro. Tamén música, claro é, tanta que este libro case se converte na banda sonora dunha vida: desde Os Lirios de Campañó ata Sindo de Olelas ou os mesmísimos Diplomáticos de Monte Alto. Non se esquece recrear historias, con emoción a ferrados, cando se detén no relato de historias contadas con sinxeleza e rotundidade como as que protagonizan Luísa Villalta, Pucho Boedo, Elvira Bao, Alexandre de Fisterra ou Staffan Mörling, nin tampouco obvia rescatar a presenza de territorios costeiros e marítimos, tamén do interior, que forman parte dun adn irrenunciable reivindicado aquí con xustiza.
Conversa
Aínda non hai comentarios.