Comunicacións Directiva, Dereitos Sociais

A Asociación Veciñal trata coa Alcaldía da situación da persoa sen fogar na rúa da Torre.


As persoas sen fogar representan seguramente o caso máis claro de exclusión social. Nas dificultades das persoas sen fogar a inexistencia de vivenda é a máis evidente, pero é que ademais este feito ten consecuencias directas para estas persoas á hora de garantir aspectos básicos: imposibilidade de protexerse das inclemencias do tempo, así como de agresións, imposibilidade de custodiar as súas escasas pertenzas, de dispor da máis mínima privacidade, de manter a hixiene e a saúde ou de coidar da alimentación e o descanso.

Esta situación persoal, supón un claro e potente factor de risco para que aumente a probabilidade de caer nalgunha adicción, e de feito, así o indican os estudos realizados: O 54% das persoas sen fogar recoñecían ter problemas relacionados co consumo de alcol nalgún momento da súa vida.

En España, 473 persoas sen fogar morreron na rúa entre 2006 e 2012; delas, o 27% faleceu ao ser vítima de agresións, un 8% por hipotermia e un 14% sufriu un accidente ao deixar o lume aceso para protexerse do frío. O 51% das persoas sen fogar foron vítimas dun delito ou agresión.1

Son datos a ter en conta no noso barrio, en relación a crecente conflitividade entre a persoa sen fogar que “vive” no nº 23 da rúa da Torre e a veciñanza e comerciantes, derivada da imposibilidade de conxugar a vida dunha persoa sen fogar, con problemas de alcoholismo, e coas limitacións comentadas de custodia de pertenzas, privacidade e hixiene, coa vida diaria nunha rúa comercial e moi transitada.

Dende a Asociación Veciñal Atochas – Monte Alto – A Torre, solicitamos un encontro coa Alcaldesa para tratar este asunto, entre outros problemas do barrio que considerabamos de urxente atención, que tivo lugar o pasado luns 13 de xullo.

Demandabamos do Concello unha coordinación dos servizos sociais co resto de administracións implicadas, e unha mediación permanente que dea unha solución e unha saída digna a esta persoa das circunstancias nas que se atopa, e que permita resolver un problema de convivencia que se agravará co inicio do curso escolar, tendo en conta as prácticas de nudismo, a ausencia de uso de máscara e de hixiene durante a crise do coronavirus, entre outras xa mencionadas, e que suporá un aumento do tránsito continuo pola zona, incluíndo o de menores.

As explicacións recibidas por parte da Alcaldía mostran que a solución non será inmediata e é complexa. Hai que ter en conta que a lei non permite internar a unha persoa en ningún centro, sexa para persoas sen fogar ou médico, contra a súa vontade; tampouco se resolvería tapiando o acceso ao número 23, xa que o único que se conseguiría sería trasladar o problema a outro punto da rúa ou do barrio. Ante estas dificultades a Alcaldía comunicounos que o Concello trasladou a situación á Fiscalía e segue á espera da súa resposta.

Aínda así, manifestámoslle que vemos con preocupación a situación, dada a lentitude coa que se desenvolven os procesos xudiciais, e insistimos na mediación constante dos servizos sociais municipais para manter a situación controlada, cousa que Alcaldía nos confirmou que se está dando. Tamén teimamos na actuación coordinada co resto de Administracións competentes (SERGAS, Xunta de Galicia e Fiscalía), para acelerar os procesos no que sexa necesario, coas que o Concello tamén nos confirmou estar traballando de forma permanente.

Apelamos á responsabilidade de organismos implicados e tamén da veciñanza, para evitar consecuencias que todos teñamos que lamentar, así como ofrecemos a nosa colaboración para atopar a solución máis axeitada para a restauración da convivencia.


1: Información recollida da revista “Proyecto”, da Asociación Proxecto Home: artigo

Conversa

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Deputación da Coruña

Concello da Coruña

Horarios Buses Coruña

Centro Información Xuvenil

A %d blogueros les gusta esto: