A Asociación Veciñal, ante as noticias de que Abanca pretende pechar a oficina de Orillamar, e ante a continua perda de servizos bancarios no barrio, reclama tanto da Administración como da propia entidade que se manteñan os servizos á veciñanza.

Despois do peche de varias sucursais ao longo dos últimos anos en distintos puntos do barrio de Monte Alto, como a de Abanca na rúa Forcarei, ou Banco Pastor, Caixa Vigo e Sabadell na rúa da Torre, etc, agora a veciñanza de Orillamar sorpréndese coa nova de que Abanca pretende pechar tamén a porta á sucursal desta rúa.
Dende hai algún tempo semella que as diferentes entidades bancarias pretenden que a clientela faga por si mesma as xestións que precise a través de caixeiros automáticos, teléfonos ou aplicacións informáticas, para desta maneira suprimir postos de traballo e reducir gastos. Reducen a cantidade e a calidade dos servizos, e ao mesmo tempo aumentan os custes de comisións, chegando a cobrar ata 50€ por mantemento de conta.
Non teñen en conta ademais que eses métodos de autoxestión requiren duns medios e duns coñecementos que non están ao alcance de todo o mundo (persoas maiores, ou en situacións económicas precarias e de exclusión social, etc), sobre todo nun barrio como o de Monte Alto, cunha alta porcentaxe de persoas maiores entre a veciñanza. Estamos a falar de trámites que en moitos casos teñen gran complexidade ou son legalmente obrigatorios, e en todo caso son servizos de primeira necesidade para calquera persoa.
A administración debe compelir a Abanca, que recibiu inxentes cantidades de diñeiro público (concretamente máis de 8 mil millóns de euros), a manter un servizo de atención á cidadanía, presencial e de calidade.
Por estes motivos, queremos manifestar tamén a nosa solidariedade e apoio ás reivindicacións e á mobilización convocada o martes 16 polas Asociacións de Veciños de Oza, A Gaiteira e Os Castros e do Castrillón – Urbanización Soto IAR, afectadas tamén pola mesma problemática, e coas que procuraremos colaborar para resolver esta situación.
O que non se entende é que Abanca non pagara por todo o que ten roubado. Menos aínda que calquera con medio entender continue a confiar cartos ou calquera relación a estes ladróns impunes e institucionalizados.