A Asociación Veciñal Atochas – Monte Alto – A Torre, máis en concreto o noso club de lectura, resultou nomeada finalista na Gala do Libro Galego 2020 na modalidade Iniciativa Cultural ou de Fomento da Lectura.
Queremos agradecer moi sinceramente ás entidades convocantes, a Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG), por ternos considerado nesta quinta edición da Gala, xa que para nós o nomeamento supón en si mesmo un recoñecemento ao noso traballo e a traxectoria desta Asociación na promoción da cultura, do que nos sentimos honradas e honrados.
Por suposto, aledámonos tamén polo resto de finalistas, especialmente polos que participan da mesma modalidade: 21 días co galego, a Libraría Chan da Pólvora de Santiago de Compostela e o Poemagosto de Allariz (Festival Internacional de Poesía)
A Gala terá lugar o próximo sábado 9 de maio de 2020 no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se darán a coñecer as persoas e entidades gañadoras.
+info aquí

Conversa
Aínda non hai comentarios.