Comunicacións Directiva, Cultura

Concedéronnos o Premio Marcelino Liste Xustiza e Liberdade, na súa 2ª Edición.


H12D7108

Foto de Marcos Míguez na presentación do Premio

O premio “Marcelino Liste, Xustiza e Liberdade”, inspirado polo club de opinión Foro Cívico e co patrocinio institucional da Deputación e do Concello da Coruña, rende unha homenaxe pública á traxectoria de Marcelino Liste, presidente da Federación de Asociacións Veciñais durante os últimos anos de Franquismo e a Transición, e que tivo un papel fundamental no impulso do movemento veciñal e na transformación dos barrios coruñeses.

Nesta segunda edición decidimos presentar a nosa candidatura, xa que consideramos que é unha perfecta oportunidade para lembrar e poñer en valor o esforzo e o traballo realizado dende hai 41 anos pola veciñanza do noso barrio na mellora da calidade de vida e da convivencia.

Con grande satisfacción, queremos informarvos que o xurado acordou conceder esta distinción á Asociación Veciñal das Atochas – Monte Alto – A Torre, recoñecendo así a actividade da nosa Asociación en defensa dos intereses veciñais e da dinamización social e cultural do barrio.

Foi unha tarefa complicada resumir o traballo da veciñanza, e as innumerables actuacións a cargo das diversas Xuntas Directivas nestes 41 anos, aquí van só algúns exemplos moi resumidos: 

A Asociación foi de quen de paralizar o intento de privatización da Cidade Deportiva da Torre, conseguindo que sexa hoxe un recinto público.

Tamén interveu para que o Concello chegara a un acordo co propietario dos terreos, facendo así realidade o actual Mercado Municipal.

Aproveitando unhas instalacións inutilizadas, a Asociación reclamounas para unha escola infantil e durante moitos anos a xestión da Escola Infantil Luís Seoane recaeu na propia asociación, sendo a primeira institución de titularidade pública de educación infantil do barrio.

Desde os inicios a Asociación amosou unha dedicación especial por espallar a cultura nas súas múltiples facetas. Así, dotouse dun número considerábel de libros doados o que provocou a necesidade de poñer en marcha un plan para construír unha biblioteca pública, que permanece aberta ata hoxe, con un activo club de lectura, ofrecendo acceso a equipos informáticos e internet, etc.

As augas fecais que se verquían ao mar na área que rodea a península da Torre, foron outra das preocupacións da asociación. Nesta liña de actuación, foi inflexíbel na demanda do Plan de Saneamento Integral.

Co obxecto de reclamar zonas para practicar calquera disciplina deportiva, a asociación promoveu os primeiros maratóns populares da Coruña con saída e remate na Torre de Hércules. Os carteis anunciadores saían a concurso e a asociación elexía o gañador cun premio en metálico.

Durante moitos anos a asociación supliu a incapacidade do Concello para organizar as Cabalgatas, converténdose en pioneira neste tipo de actividades, e sendo durante anos a biblioteca o lugar onde os reis magos recollían as cartas dos nenos.

Ademais ao longo dos anos a Asociación organizou, impulsou e recolleu diversas reivindicacións veciñais, como por exemplo contra o derrube do Asilo de Adelaida Muro, pola recuperación do cárcere como espazo público de uso cidadán, contra os continuos cortes de subministro eléctrico no barrio, pola retirada de andamios en edificios con obras abandonadas, pola chegada da liña 17 de transporte público ao Materno, etc.

Por outra parte, mantén estreitas relacións con outras entidades coas que ten realizado diversas actividades conxuntas, como por exemplo coa Asociación de Mulleres Colleiteiras (unha iniciativa social que tivo na biblioteca veciñal o seu primeiro punto de recollida) e tamén coa Escola Infantil de Monte Alto, coa que se comparte a explotación dunha horta comunitaria – educativa, entre outras.

Dende aquí queremos felicitar a todas as entidades que presentaron a súa candidatura, polo traballo marabilloso que tamén realizan, e agradecer o recoñecemento do xurado, pero sobre todo, queremos agradecer a todas as socias e socios, e principalmente aos que se comprometeron nas diversas Xuntas Directivas, polo importantísimo labor realizado, así como a nosa veciñanza pola súa sempre activa participación e implicación na vida colectiva do barrio, e agardamos que así siga sendo durante moitos anos máis.

Sen título

Conversa

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Deputación da Coruña

Concello da Coruña

Horarios Buses Coruña

Centro Información Xuvenil

A %d blogueros les gusta esto: