Tras anos realizando accións reivindicativas, xestións e solicitudes ao Concello por parte desta Asociación Veciñal, parece que por fin se vai atender a vella demanda de que a liña 17 do bus urbano chegue até o hospital Materno-Infantil Teresa Herrera.

Acción realizada pola nosa entidade denunciando as carencias da liña 17 (Maio, 2015)
Segundo se nos comunica desde a Concellaría de Mobilidade Sostible, todas as liñas que chegan ao Hospital Universitario (CHUAC), deixarán de circular arredor deste centro hospitalario, facendo agora a parada ao pé da planta cero. Pola súa banda, as liñas 12, 12A e 17 pasarán a ter a súa cabeceira no Materno, e continuarán o seu percorrido até alí. O Concello prevé que o aforro de tempo no CHUAC permita esta ampliación, sen afectar horarios nin frecuencias.
Esta fin de semana modificarase a sinalización e a partir do luns 29 comeza a prestación do servizo. No novo percorrido desaparece a parada número 58 (CHUAC-Urxencias) e as diferentes liñas farán parada na 59 (CHUAC-Glorieta). Pola súa banda, nas liñas 12, 12A e 17 aparecen as novas paradas 275 (Avenida da Pasaxe-Gasolineira) e 293 (Avenida da Pasaxe-Materno Infantil), que pasará a ser a de inicio do percorrido.
Desde a nosa Asociación Veciñal congratulámonos de que por fin se estableza este servizo, fundamental para o noso barrio, pero tamén para outras zonas da cidade. Xa era tempo de atender as necesidades das persoas que precisan utilizar esta instalación sanitaria. Ao noso entender, o que isto demostra é que as razóns esgrimidas ao longo do tempo para non poñelo en marcha non eran insalvables, e que o único que facía falta era a iniciativa política para levalo a cabo e un pouco de sensibilidade coa veciñanza (ou se cadra a proximidade dunha convocatoria electoral).
Conversa
Aínda non hai comentarios.