
A Asociación Veciñal, recollendo as suxestións dos comerciantes e hostaleiros afectados, solicita a implementación dunha serie de medidas que supoñan unha verdadeira mellora e revitalización desta área comercial.
A relación de propostas que aquí figura nace das indicacións e propostas feitas polos comercios afectados polas obras de ampliación de beirarrúas, recollida nas distintas roldas de contactos que se mantiveron coa Asociación Veciñal Atochas-Monte Alto.
A zona afectada polas obras é unha das que mellor conserva a vixencia do comercio tradicional, mesmo contando con establecementos con sona en toda a cidade. Convén indicar tamén que a actuación prevista polo Concello da Coruña que dá lugar a este conxunto de propostas para o comercio da zona afectada non incide nas súas verdadeiras necesidades, ao se tratar dunha intervención que só busca anchear as beirarrúas. Estas necesidades nacen de problemas que demandan actuacións que dinamicen o comercio con outro tipo de intervencións.
Nestas roldas de contactos, as persoas que rexentan locais comerciais propoñen medidas distintas e diversas, que buscan que as actuacións na Rúa da Torre supoñan unha verdadeira mellora desta área comercial, que non se limite só a ter unha beiravía máis ancha, senón que a faga máis atractiva, accesible e activa.
Aquí podes consultar o PLAN DE MELLORA E DINAMIZACIÓN COMERCIAL DA RÚA DA TORRE
Conversa
Aínda non hai comentarios.