Onte á tarde as asociacións veciñais de Urbanización Breogán, Ventorrillo, Novo Mesoiro, Os Rosales, Feáns – O Freixo, Monelos – Fonte das Pajaritas, Loureiro de S.Pedro de Visma, Valle Sur (Culleredo), Rexumeiros de Elviña, As Revoltas – A Zapateira e Atochas – Monte Alto, xunto co Grupo de Accesibilidade da Coruña (GAC), reunímonos coa finalidade de botar a andar un grupo de traballo, para poñermos en común achegas ao futuro plan de mobilidade, e coa intención de seguir sumando outras entidades.

As once AAVV e o GAC reuníronse na sede da A.V. do Ventorrillo (La Opinión. arcay/roller agencia)
Neste primeiro encontro concluímos que a concesión do servizo de transporte urbano, e a nova configuración das liñas, non debe responder a criterios de rendibilidade, senón á configuración dun servizo público de calidade.
Para fomentar e promover o uso do transporte público, consideramos necesario o establecemento dunha tarxeta única (urbana/metropolitana/tren), que permita tarifas planas de uso ilimitado (diarias, semanais, etc.).
Outro importante acordo alcanzado foi demandar o establecemento de paradas seguras fronte ao tránsito e ás condicións climáticas, e accesibles para persoas con mobilidade reducida, como deben selo tamén as liñas de buses, dispoñendo en todos os casos de ramplas operativas.
As asociacións asistentes xulgamos necesario que as administracións implicadas respondan con maior axilidade á evolución das zonas urbanas, e que as solucións de mobilidade abarquen toda a área metropolitana.
Requerimos ao Concello que a elaboración do plan de mobilidade sexa un proceso verdadeiramente participativo, e non meramente informativo, para o cal é preciso que se facilite información sobre o proxecto, e é preciso que exista a posibilidade de facer achegas.
Por último, e para que estas medidas teñan estabilidade, estimamos que todos os actores implicados, tanto Administracións como partidos e entidades, deben buscar consensos, para evitar que a mobilidade sufra cambios continuos.
Conversa
Aínda non hai comentarios.