Dereitos Sociais, Saúde

Sobre o centro para pasar a noite para as persoas sen teito en Monte Alto.


Á esquerda da foto, baixo no que o Concello vai construir o centro.

A Asociación Veciñal das Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules, a través do seguinte comunicado, quere facer público o seu posicionamento sobre o centro para pasar a noite destinado ás persoas sen teito que a Concellaría de Xustiza Social e Coidados quere crear no noso barrio.

Perante certas informacións que están a aparecer na prensa, onde se anuncia que a veciñanza está en contra de dito centro, como entidade veciñal queremos informar do noso apoio á Concellaría de Xustiza Social e Coidados e o desexo de que o barrio de Monte Alto dispoña dun lugar para as persoas que, por diferentes motivos, carecen dun espazo onde pasar a noite.

Do mesmo xeito queremos confirmar que, nun primeiro momento, o espazo no que tiñan pensado crealo era o Centro Cívico de Monte Alto, na parte baixa que ten entrada por Vereda do Polvorín mais, a realización doutra actividade nese lugar, levou á Concellaría a trasladalo á parte baixa dun dos edificios de Orillamar, fronte ao Centro de Saúde do barrio.

Esta información foi recibida pola entidade a través dunha xuntanza coa concelleira Silvia Cameán. Pola nosa banda, como entidade, trasladámoslle esta información aos diferentes grupos da oposición nas xuntanzas que mantivemos a semana pasada, así como todo o referente a este programa, considerando que é un asunto que require da unanimidade política e social para que saia adiante pois consideramos que a dignidade humana está por riba de cores políticas e de intereses partidistas.

Pola información da que dispón a nosa entidade, trátase dun centro onde as persoas sen teito poden ir pasar a noite, dándoselles por parte de servizos sociais a cea e o almorzo, cun servizo de asistencia social e cun programa de actividades encamiñadas á integración destas persoas na sociedade. Todo isto dentro dun local que é propiedade do Concello da Coruña.

Cando se nos informou por primeira vez do programa, a directiva remarcou que o centro non podía ser simplemente un lugar para pasar a noite, que debía de ter como finalidade darlle unha saída e un futuro a ditas persoas xa fose a través de obradoiros municipais ou de cursos e que, na reinserción, o Concello da Coruña debía de esforzarse para que a veciñanza puxera nome, cara e historia a ditas persoas coa finalidade de crear un vínculo de solidariedade e de axuda mutua. Do mesmo xeito que insistimos na necesidade dun servizo de duchas para o seu aseo persoal porque, sabemos, empregan as fontes públicas para facelo.

“O centro non pode ser simplemente un lugar para pasar a noite, debe de ter como finalidade darlle unha saída e un futuro a ditas persoas, sexa a través de obradoiros municipais ou de cursos para a súa reinserción.”

Somos conscientes, como entidade que leva anos traballando no barrio, que é difícil de asumir para certo sector de poboación a necesidade de crear ditos servizos sociais. De feito, comunicamos á concelleira Silvia Cameán que, de funcionar o centro en Monte Alto, este servizo debía extenderse a outros barrios da cidade, porque é cousa de toda a cidade da Coruña.

Aínda recordamos a problemática do 2003 cando o entón alcalde Francisco Vázquez propuxo a creación do Centro de Integración Social no barrio das Roseiras. A veciñanza daquela zona alzou a súa voz opoñéndose. Foi entón cando o Concello da Coruña decidíu erguelo cerca da antiga prisión provincial, ao carón das cocheiras do tranvía e do centro de ensino Ánxel Casal. E aí está sen provocar ningún tipo de problema dende hai anos.

Para finalizar, informamos que nos vindeiros días convocaremos unha asemblea na asociación veciñal coa finalidade de informar sobre este futuro centro. Unha asemblea á que convidaremos tanto á Concellaría de Xustiza Social e Coidados como aos grupos da oposición e aos medios de comunicación para que exista toda a transparencia do mundo e que todas as dúbidas sexan resoltas.

Advertisements

Conversa

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Concello da Coruña

Horarios Buses Coruña

Centro Información Xuvenil

%d bloggers like this: